MARIA LADO CON FANNY + ALEXANDER - Berlin (2007)
[AUDIOBOOK] Podes baixar o poemario BERLIN de MARIA LADO recitado pola propia autora e musicado por FANNY+ALEXANDER en mp3 (26 MB)
premendo aqui
Texto e recitado: María Lado
Música: Fanny+Alexander (http://www.myspace.com/fannyealexander)
Deseño da capa: David Rubín
[E-BOOK] Tamén podes baixar o poemario en formato PDF
premendo aqui
Ás veces un amante pode ter un ollo de cada cor, como algúns gatos, como David Bowie, ou como o espírito das cidades divididas. Non é estraño, nese caso, que alguén dea en chamarlle Berlín, porque ademais a sonoridade do nome pode traer arrastrado o sabor de certos doces con améndoa e podemos sentilo rebentar na boca en pequenas triscadelas de tenrura. Pouco importa que o escenario do amor sexa a capital contemporánea da nosa poesía. Un amante que ten un ollo de cada cor merece que o seu libro se chame Berlín.
Ás veces unha escritora ou escritor soña con ser arquitecta ou arquitecto, e gostaría de deseñar planos nos versos. Que alguén poida pescar unha cidade mergullada e poñela en orde lendo o seu libro, ou mesmo reconstruíla despois das catástrofes partindo do compás das páxinas ao pasarse. E apesar de que os cinemas arden, os locais fechan ou cambian de nome, e de que algún día até expropiarán as hortas, os parques, ou as prazas, hai unha cidade que non é Berlín que poderemos recoñecer co libro na mao. E descubrirlle de paso o porto oculto e os menceres onde os nomes se escriben deliciosos baixo as árbores.
Ás veces unha voz de muller segue a subvertir papeis na poesía contemporánea, e consegue acadar centralidade para cantar á fatalidade e a tenrura do amor sen complexos. E ao tempo, inventar unha cidade, un can chamado Chespir, un amante cos ollos como Bowie, e a ela mesma e ás palabras. E mesmo un outro, o mesmo, para sempre, (como no disco de Lou Reed), Berlín.
E ti que o leas
Mario Regueira
MARIA LADO
A María Lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do Cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e Santiago de Compostela, a gran nada no centro da nada.
Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. Ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: A primeira visión (letras de cal, 1997), Casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002) e Berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-AELG, 2005).
Un bo feixe de volumes colectivos conteñen o resultado do seu traballo: Treze (que recolle os textos gañadores dun premio literario que ela non lembra cal é e eu tampouco aínda que teño o libro na casa), Nós e rumbo ás illas (publicacións do batallón literario da costa da morte ao que pertenceu), variados libros de inspiración reivindicativa ( O entrelazo das palabras, Negra sombra, Sempre mar), antoloxías máis ou menos ao uso da poesía galega: dEfecto 2000 (letras de cal, 2000), 25 anos de poesía galega 1975-2000 (La Voz de Galicia, 2003), As sonorosas cordas (Eneida, Madrid, 2005) ou Poetízate (Xerais, 2006) e outros volumes colectivos como Os gozos e as sombras (Fundación Gonzalo Torrente Ballester, 2005), Forxa literaria (Fundación Casa Museo A Solaina, 2002... ), Festival de poesía do Condado (2005), A palabra (catálogo do 2º encontro de arte e natureza no castelo de Soutomaior, Deputación de Pontevedra, 2005) ou Por man propia (Bourel, 2005).
Outros poemas espallados seus percorreron mundo en diversas publicacións periódicas como Cosmoguía (Córdoba), Alquimia, Comentário (Lisboa), Dorna, Bravú, La luna (Mérida), etcétera (onde non se indica localización, enténdese Galiza).
É coguionista con Julia Montilla da radionovela Novembro, dentro do proxecto edición marco-fundación Luís Seoane-CGAC 2006.
Por temporadas deixou pegadas en Vieiros, no programa de radio As antípodas, na radiofusión, e no espazo e-music de Cuac fm-extrarradio.
FANNY+ALEXANDER
O dúo compostelán Fanny+Alexander mestura elementos tan heteroxéneos coma melodías pop con ritmos tradicionais galegos, orquestracións barrocas coa electrónica máis arriscada ou rimas hiphopeiras con guitarras espaciais. Sempre explotando a infinda paleta de sons que proporcionan as novas tecnoloxías: sintetizadores, guitarras -midi, acústica e eléctrica-, instrumentos clásicos, vocoders, acordeóns, caixas de ritmos, cordas orquestrais, clicks n' cuts, pandeiros... e por suposto o uso e abuso do sampling máis intensivo. En defintiva, poñendo os alicerces para a contemporaneización da música pop galega a base de machucar estilos, regras e etiquetas.


A licenza Copyleft empregada polo netlabel para a edición das obras é a



