30.1.07

CINECLUBE CARLOS VARELA (2007)

Preme aqui para baixar o documental CCCV en formato DIVX (574 MB)

Tamén podes velo online en Google Video:

CREDITOS:
Dirección, guión, montaxe, documentación e cámara: Ramiro Ledo Cordeiro
Produción Executiva: Margarita Ledo Andión
Posprodución de Son: Cristina Morquillas
Posprodución: Gaspar Broullón e Miguel Fernández
Deseño gráfico: X. Carlos Hidalgo Lomba
Transferencia Súper 8-DVD: Ophiusa, CGAI

SOBRE CARLOS VARELA
O pasado agosto cumpríronse vinte e cinco anos do pasamento de Carlos Varela Veiga, "salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema militante" (Xosé Paz Rodríguez).
Cineclubista de base na animación e na dirección do cineclube Valle-Inclán de Lugo dende 1971, admiraba a Joris Ivens, o construtivismo soviético de Eisenstein e Dovjenko, o cinema ollo de Dziga Vertov ("O home da cámara"), e a denuncia de latinoamericanos coma o cubano Santiago Álvarez("Now!") ou o boliviano Jorge Sanjinés, mais a súa figura fica hoxe no esquecemento do pobo galego, paradoxalmente orfo de imaxe colectiva nun cinema propio até se ver reflectido no celuloide de Carlos.
As súas gravacións camiñan parellas á aposta de Carlos Velo nas V Xornadas de Cine de Ourense (abril, 1977), xa que parten dunha estrutura documental para o cinema galego coa realización dun noticiario de produción mensual. Un cinema documental de acción directa, que se achegase á realidade do momento.
Carlos percorreu Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica do movemento nacional-popular galego, mais deixou toda unha estela de traballo exemplar no eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo cos tapices…
Elaborou o anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de Cineclubes de Galiza en 1977 (que tomou forma definitiva en 1984), fundou e dirixiu en 1975 "Nós" Cinematográfica Galega e deseñou o anagrama desta sociedade que, no artigo segundo dos estatutos fundacionais, defendía a "incorporación á cultura galega do fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións".
Na súa memoria, creouse en Compostela o Cineclube Carlos Varela Veiga, que se mantivo en activo entre 1982 e 1987.
No tempo do maio francés, no que se filmaba en 16mm., o pobo galego loitaba contra a usurpación do areal de Baldaio, resistíase ás expropiacións n’As Encrobas, marchaba de Viveiro a Xove para evitar a instalación da central nuclear na costa de Lugo, concentrábase no pavillón de Lugo para suprimir a cota empresarial da Seguridade Social Agraria, e celebraba os días da Patria en Compostela.
A cámara de Carlos Varela captou a resistencia nos últimos anos do franquismo, sen a penas medios, nin recoñecemento. O obxectivo da superoito foi testemuña e rexistro dunha loita, que agora se rescata do esquecemento.

SOBRE O DOCUMENTAL
O director vai encadeando a historia do nacionalismo galego entre os anos 1975 e 1980 escollendo as imaxes que o cineasta Carlos Varela deixou nun alarde de premontaxe na gravación.
O filme producido por NÓS, Productora Cinematográfica Galega, S.L., da que Carlos Varela fora fundador en 1976, e coproducida pola Fundación Bautista Álvarez, recupera as súas gravacións, patrimonio da cultura galega.
A cámara de Varela deu conta en imaxes da consciencia dun pobo cara a súa autoorganización, e da loita contra a represión no posfranquismo máis inmediato.
Con ese material o director, guionista e realizador do filme documental, Ramiro Ledo Cordeiro, compón unha historia que fai revivir a traxectoria e o estilo do cineasta galego, enraizado no cinema directo dos EUA e a Francia do sesenta e oito: as gravacións de Chris Marker do pobo norteamericano contra a guerra de Vietnam ("A Sexta cara do pentágono"; "O fondo do aire é roxo"), o Willian Klein de "Tardes de enchenta, mañás de famenta", ou a "Batalla deChile" de Patricio Guzmán.
Carlos Varela non deixou que a falta de medios materiais lle impedisen a urxencia de rexistrar no seu modesto súper8mm. a loita dun pobo por se liberar da opresión. É o único cineasta militante dende Carlos Velo (1936) en Galiza.

Fonte: Compostelacultura

SOBRE O AUTOR
Ramiro Ledo Cordeiro (Lugo, 1981) é presidente do Cineclube de Compostela, crítico de cinema e fundador da revista galega de cinema Ariel.

21.1.07

OS QUININDIOLAS - Os Quinindiolas (1991)

Podes baixar un Zip de 18 MB cos cinco temas do EP de Os Quinindiolas en mp3 premendo aqui ou baixalos directamente coas seguintes ligazóns :

Capa do CD

"A finais dos 80, eu formaba parte con Xelís dun colectivo chamado Favorita que se adicaba a editar revistas, organizar performances e facer grafitis por Santiago adiante. Un dos proxectos da Favorita foi Trilateral, un grupo de afinidade con artistas de Santiago, Porto, Barcelona e máis tarde Milán. Trilateral produciu varias revistas, encontros e accións conxuntas. Os de Milán compraran unha máquina de prensar vinilos na Europa do Leste e quedamos para publicar un disco con cadansúa música. Como eu daquela andaba a clases de saxofón, tocoume a min. Quedei cun colega que tiña un Atari, gravei un baixo e batería secuenciado, chamei a un colega de Noia, Xoan Ramos, que tocaba a guitarra, e gravei unha casete cunha versión punk da cantiga de Mendiño ‘Sediame na ermida de San Simon...’ que chamamos Esperando ao meu amigo, que foi o que saiu en tal disco cun son pésimo.

Comezamos a quedar informalmente nun local de ensaio onde nos prestaban os instrumentos para tocar esa música e facer algunhas novas. Apuntámonos a un concurso da TVE en Galicia chamado Racha coas Ondas e alá fomos co nome de Os Quinindiolas. Daquela eramos Xelís, Xoan á guitarra, un baixista chamado Oscar, eu á batería, e John que apareciu só o día da tele co saxo. A un daqueles encontros da Trilateral en Barcelona había que levar un grupo de música de Santiago. Nós non tiñamos músicas abondas. O que máis se movía daquela era Nicho Varullo e funos chamar, pero marchara Xerardo, o batería, e entón apunteime eu e fomos pra alá. Alí coñecín a Fran e comenteille o dos Quinindiolas e pareceulle ben. Con Fran de baixista, o grupo evolucionou rápido e en pouco tempo fixemos repertorio e empezamos os concertos por Galiza adiante. Fran e eu tamén tocabamos con Nicho e con Chévere. Logo Xoan púxose mal e tivemos que parar. Cando chegou a oportunidade de gravar, tivemos que apañar os tres. Fixemos algúns playbacks na tele no Sitio Distinto de Reixa e nun programa chamado Mar a Mar. Xelís marchou para Inglaterra. Aínda fixemos algún concerto en trio con Marcos Teira á guitarra. Logo empezamos co da NASA e deixámolo.

Os Quinindiolas facíamos rock en galego. Comezamos nunha onda de rock enerxético, por veces melódico (Jam, Clash), por veces máis animaliño (Stooges, Pistols). Contra o final cada vez pesaba máis a influencia da música negra, sobre todo funk (Brown, Mayfield) e aquel primeiro hip-hop (Run DMC, Public Enemy). De todo iso sacamos o noso xeito particular de expresarnos e darlle soporte ás letras."

Pepe Sendón

Xelís de Toro (Voz)
Fran Pérez
(Guitarras, baixo e voz)
Pepe Sendón (Batería e voz)

Ilustración da capa de Alvaro de la Vega.

Gravado en 1991 nos estudos Sitar de Pontevedra por Antonio Vázquez

16.1.07

LUISA MANDOU UM BEIJO - Luisa mandou um beijo (2007)

Podes baixar un Zip de 45 MB cos once temas en mp3 premendo aqui ou baixalos directamente coas seguintes ligazóns :

Capa do CD


A banda de Rio de Janeiro Luisa Mandou um Beijo está formada por Flávia Muniz (voz), Fernando Paiva (guitarra), PP e PC (guitarras), Shockbrou (trompeta), Andrezinho (frauta) e Luciano Grossman (bateria). Influenciados por formacións da talla de Belle & Sebastian, Os Mutantes, Pavement e Pato Fu levan dende o ano 2000 producindo fermosas músicas caraterizadas por letras intimistas en portugués, belas liñas de trompeta, solos de flauta transversa e a doce voz de Flávia. Nestes seis anos viron editado no Brasil un single, un EP e un disco longo. Un LP ao que pertencen os 11 temas que agora apresentan na Galiza.

Sitio da banda: http://www.luisamandouumbeijo.com
O seu Myspace: http://www.myspace.com/luisamandouumbeijo

Luisa mandou um beijo - Amarelinha (videoclip)

Máis videoclips dos Luisa Mandou um beijo:

- Desfeito em luz: http://www.youtube.com/watch?v=tcNcvw0MSrw
- Guardanapos: http://www.youtube.com/watch?v=LTxOFTbRjHU
- Bauhaus today: http://www.youtube.com/watch?v=m6Gaikb32As

Luisa mandou um beijo son editados no Brasil por Volume One e Midsummer Madness.

A Regueifa Netlabel www.aregueifa.net Apdo. de Correos 157 15780 Santiago de Compostela (CC) 2009

Alguns dereitos reservados